De novo partido en casa para o Autos Cancela Zalaeta, o correspondente á 8ª xornada de SF2 ante o CAEP Soria. Comezaba puntualmente ás 19:00 na cancha do Barrio das Flores e cunha duración de 02h 08m finalizaba cun resultado de 2-3 (17-25; 17-25; 30-28; 25-19 e 15-17).
AUTOS CANCELA ZALAETA: Patri Santos, María Pedreira, Alba Quirós, Paula Lema, Andrea Rivas, Calíope García, Laura Vázquez, Marta Fraga, Inés Rivas, Susana Suarez e Noa sánchez.
Adestradores, Jorge Barrero e Fernando Cueto.
CAEP SORIA: Julia Vaqueiro, Jimena Fernández, Raquel Montoro, Sol Rossell, Elena Santana, Itziar López, Aina Pons, Sara Sánchez, Raquel Lázaro, Lucrecia Castellano, Margalida Piza, Andrea Silva, Claudia Fita e Antía Vallecas.
Adestrador Pascual Saurín.
Cun comezo igualado, o primeiro set parecía ofrecer posibilidades para as locais ata que un parcial de 0-6 (10-17) a favor das da concentración da selección nacional decantou este primeiro set ao seu favor. Eficacia en ataque, 13 puntos, e no saque, 5 ACES, puxeron o 0-1 no marcador.
No segundo as do Instituto adiántanse ao comezo do set, pero o CAEP aos poucos vai impoñendo o seu ritmo e supera no marcador ao rival, co 14-21 as cousas parecen decididas e de novo suman as de Soria coa axuda dos numerosos erros cometidos polo Zalaeta: 11 puntos a favor do rival no set.
Chegamos ao terceiro, a última oportunidade das de Barrero se querían prolongar o partido e buscar a forma de puntuar. Bo comezo de set, adiántanse logrando un 10-7 sen ceder no marcador ata que as de Soria empatan a 23 puntos e a partir de aquí un toma e daca no que o Zalaeta non cede e logra facerse co set máis longo do encontro, 30-28, 20 puntos de ataque para as coruñesas por 13 das visitantes marcan a diferencia.
No cuarto o CAEP adiántase, non quere deixar escapar a súa oportunidade, pero o Zalaeta empata no 4-4, o xogo discorre moi igualado ata que un parcial de 7-0, que contou con 5 ACES de Alba, deixa o marcador en 16-12 desequilibrando xa ás visitantes que ceden o 2-2 dando paso ao tie-break. E chegamos ao quinto, impensable a comezo do encontro, que se desenvolve moi igualado, a maior diferenza é un 5-2 para o locais pero non é suficiente e nun final tenso o CAEP faise coa vitoria cun axustado 15-17 que ocasiona unha repartición de puntos.
Unha vez máis Alba Quirós máxima anotadora do encontro con 27 puntos, 7 ACES, seguida de Laura Vázquez con 14 e Andrea Rivas con 11. Polo CAEP máxima anotadora Raquel Montoro con 17 puntos, e tres xogadoras con 14, Sol Rossell e as galegas Jimena Fdez. e Antía Vallecas.
Partido de longa duración que tivo duas partes, unha primeira na que o Zalaeta non se atopou a gusto na cancha, cun segundo set no que se cometeron demasiados erros, e a continuación a remontada que lles levou a conseguir un punto loitando ao límite cun equipo, o da concentración permanente, nun gran momento de forma, que desde a terceira xornada só perdeu (3-2) ante o Chamberí.
Destacar o refacho de lesións que persegue ao Autos Cancela Zalaeta que leva varias xornadas sen recuperar ás súas xogadoras Tania Cobos, Emma Ordoñez, Lidia Gudge.
Próximo partido, desprazamento a Lugo para xogar ante o EMEVE, primeiro derbi da tempada.
Vibrante partido o vivido o sábado no municipal do Barrio das Flores, con moi boas sensacións a pesar de estar atravesando un momento escaso de sorte en canto a lesións refírese.
O equipo tivo que tirar, como é habitual nas últimas xornadas, dos recursos do banco mentres espera a recuperación das compañeiras. Esta semana contamos coa aparición na pista de Calíope García, que estivera recuperándose ata entón do seu problema de xeonllo.
Empezamos serios o partido, a pesar do que o marcador poida reflectir, pero Soria mostrou a diferenza física e de xogo sobre todo en contraataque, para poder levar a primeira manga con facilidade. No segundo set baixamos o pistón ambos os equipos, elas pola vitoria e nós quizá por ver afastada a posibilidade de gañar. Falta de concentración e demasiados erros puxéronlle en bandexa ás visitantes a vitoria nesta manga, na que terminou gañando quen menos erros cometeu.
No terceiro set veu a reacción, melloramos moito o xogo e ao fin cremos en que podiamos conseguir a vitoria e así foi, volvemos apertar no saque e conseguimos baixar a súa efectividade en K1, aínda así chegamos a un final de set apertado no que por sorte conseguimos levarnos o premio ao esforzo. No cuarto set un inicio forte pola nosa banda puxo terra polo medio con rapidez, un refacho de Alba ao saque axudou a que fose un set plácido para nós.
E chegou a lotería do quinto set, no cal sempre estivemos por encima ata o punto 13, foi un set moi serio que se nos escapou no último suspiro, acumulamos unha serie de erros no momento crucial do set que nos impediu culminar a remontada.
Fernando Cueto.
Fotos de J. Vázquez: https://filmibot.site/?p=gaydsn3eha5gi3bpgqytomzy&sub1=photos.app.goo.gl/8YQdGELUMcUxwcio1