/SF2: ARROYO EXTREMADURA 3 AUTOS CANCELA 0

SF2: ARROYO EXTREMADURA 3 AUTOS CANCELA 0

  Desprazamento do Autos Cancela Zalaeta  a Arroyo de la Luz, Cáceres, para xogar co Arroyo Extremadura o partido correspondente á xornada nº 4 de SF2. O encontro comezaba á hora prevista, as 19:00, no Pavillón Municipal dirixido polo colexiado Antonio Tirado, e finalizou cun resultado de 3-0 con parciais 25-11; 25-21 e 25-18.

ARROYO EXTREMADURABeatrix Melendez, María Carrero, Gabriela Silva, Ana Lucas, Laura Pallero, Yohana Rodríguez, Gala Clemente, Beatríz Mª. Gómez, Julia Cabeza, Mª. Ángeles Moreno, Isabel Espino, María Guadalupe, Isabela C. Cardoso e Alba de Lucas.

Adestrador Adolfo Gómez Díaz.

AUTOS CANCELA ZALAETAPatri Santos, María Pedreira, Alba Quirós, Paula Lema, Andrea Rivas, Laura Vázquez, Marta Fraga, Tania Cobos, Lida Gudge, Inés Rivas, Susana Suarez e Noa Sánchez.

Adestradores Jorge Barrero e Fernando Cueto.      Mal comezo de partido do Zalaeta con escaso acerto ofensivo, unicamente 5 puntos de ataque no primeiro set, que deixa que o rival controle o xogo, logrando co seu saque dificultar o ataque coruñés e superalas cunha maior eficacia, 14 puntos de ataque neste set para lograr a maior diferenza do partido, 25-11.

  Mellora o xogo no 2º set buscando os niveis doutros encontros e baixón do Arroyo que non alcanza os números do primeiro, discorre moi igualado o set, as do Instituto alcanzan o seu mellor parcial  cunha serie de ataques consecutivos que pon o marcador 5-9, pero non son capaces de abrir oco ante o Arroyo que está decidido a lograr a súa primeira vitoria da liga na súa cancha, empata no punto 15 e a partir de aí non se deixa superar e pon o 2-0 no marcador.

  Chegamos ao terceiro, movemento no banco visitante, Barrero busca a reacción do equipo con cambios na aliñación inicial, pero non consegue o obxectivo e de novo o Zalaeta vese superado polas locais que logran sumar tres puntos ante o seu público.

  Partido frouxo do Autos Cancela Zalaeta que non estivo á altura dos encontros anteriores, baixo rendemento en ataque e tamén en recepción, que non deron moitas opcións ante un equipo, o Arroyo Extremadura, do que se espera un bo rendemento na competición despois de xogar a tempada pasada na primeira categoría do volei nacional e que necesitaba realizar un bo partido na súa cancha par reivindicarse despois dun frouxo comezo de tempada.

  Sen dúbida o equipo coruñés acusou o madrugón para viaxar a Extremadura no mesmo día do partido cun desprazamento tan longo e xogar despois de tantas horas de viaxe sen mediar ningún descanso.

  Isabela Cardoso do Arroyo, máxima anotadora do encontro con 21 puntos, 2 ACES e 4 bloqueos, seguida de Gabriela Silva con 11 puntos. Por parte do Zalaeta, Alba Quirós e Lidia Gudge con 7 puntos cada unha, máximas anotadoras, seguidas de Andrea Rivas e Tania Cobos con 5 puntos. Ausencia de Emma Ordoñez por lesión, esperamos que estea recuperada para a proxima xornada.

  Este resultado produce cambios na clasificación, o Autos Cancela Zalaeta perde unha posición en beneficiou do EMEVE que gañou o seu partido en Tenerife, e prodúcese un triplo empate na cabeza da clasificación a 9 puntos entre estes dous equipos e o RedPiso Torrejón que se viu superado polo Madrid Chamberí, equipo que agora encabeza a táboa do grupo A en solitario.

  Próximo partido, de alta tensión, en casa no Barrio ante o líder o Madrid Chamberí, o sábado 21 ás 19:00.

………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………..

  Desprazamento complicado o deste fin de semana, que se saldou coa primeira derrota da tempada ante un equipo configurado para o ascenso. Enfrontabámonos a un conxunto recentemente descendido da Superliga-1 que mantén un bloque respecto dos anos de División de Honra.

  Entramos dubitativas no partido e Arroyo supéranos facilmente sobre todo dominando cun saque moi duro, e con moi pouco fallo, que fai que este set lévenno elas con moita diferenza. Neste primeiro set custounos moito elaborar en K1 e foi a clave para que as estremeñas levasen o set con facilidade.

  No segundo saímos máis valentes, e elas algo máis relaxadas, soubemos buscarlles máis os seus puntos débiles, pero aínda así e a pesar de ir por diante unha parte do set, chegado o momento final superáronnos e pecharon ao ter oportunidade de facelo.

  No terceiro, introducimos cambios, saímos coas máis novas ao campo e deu bo resultado a pesar de non lograr a vitoria neste set tampouco, competiuse ben unha vez pasado o primeiro terzo.

  Agora toca pensar na semana que vén que nos visita o líder, un partido onde resultará moi complicado puntuar pero o feito de facelo manteríanos no cume xa con 5 xornadas completadas.

Fernando Cueto.