/ZALAETA CAMPIÓN DA COPA GALICIA: EMEVE 2 FISIOMASZALAETA 3

ZALAETA CAMPIÓN DA COPA GALICIA: EMEVE 2 FISIOMASZALAETA 3


  O FisiomàsZalaeta proclamouse campión da Copa Galicia na tarde do sábado no Municipal de Lugo despois dun intenso partido ante o EMEVE de Lugo.

  Catro equipos disputábanse esta edición de Copa nunha dobre xornada na que se cruzaban o Caldaria VoleyOurense, Xuvenil Teis, EMEVE e FisiomásZalaeta no Pavillón Municipal de Lugo.
  Na primeira semifinal o equipo anfitrión desfacíase do Voley Ourense cun resultado de 3-0 nun partido no que o resultado non aclara o que sucedeu na cancha, onde a pesar de perder,  as de Ourense puxeron en apretos a equipo lucense , sobre todo no terceiro set no que tentaron darlle a volta ao partido.
  A segunda semifinal enfrontaba ao Xuvenil Teis co FisiomásZalaeta, cuxo último partido de liga decantarase polo Teis, que se impuxo na súa cancha ás coruñesas. Era por tanto unha boa ocasión para resarcirse daquela derrota, e así foi. O conxunto de Barrero impúxose por 1-3 con facilidade ao  Xuvenil,que puido notar as ausencias das xogadoras Sara Urrea e Federica Farabegoli,  xogando coa intensidade necesaria  para dobregar ao rival sen facer un gasto excesivo  reservándose para a final, unha final que o enfrontaría ao favorito, as lucenses do EMEVE.

 

   EMEVE: Sara Vázquez, Julia Paradela, Paula
Lorenzo, Irene Yañez, Laura Villasante, Mª Fe Pena, Uxía López, Sandra Lojo,
Eliana González, Aitana Fernández, Alejandra Gancedo, Lucía Prol e Carmen Saa.

  Adestradores José Valle e Fátima Valle.

  FISIOMÁSZALAETA: Patri Santos, Lidia
Gudge, Alba Quirós, Emma Ordoñez, Paula Lema, Andrea Rivas, Laura Vázquez,
Noemí vázquez, Tania Cobos, Elisa Álvarez, Inés Rivas, Susana Suarez e Noa Sánchez.

  Adestrador Jorge Barrero.
  Árbitros Juan
Carlos Liste
e Alberto Suarez, duración 01h 59m, resultado: 2-3 (18-25; 32-30; 25-18; 21-25 e 13-15), totales: 109 – 113.

  Ás 18:00 comezaba a final cun primeiro set no que as visitantes superaban claramente ás de Valle e poñían o 1-0 no marcador, dando así comezo a un partido que resultou como se esperaba, competido, de resultado incerto e un espectáculo para o público, un deses partidos nos que a rivalidade e o coñecemento entre os contendentes condiciona os resultados, un derbi cunha copa polo medio.
  No segundo set non se regalaba nada, disputábanse todos os puntos, a diferenza non superaba un punto ata o último cuarto no que o Zalaeta obtén unha diferenza de catro puntos que parecían suficientes para pechar o set, pero o EMEVE non cedía, quería o empate e con tesón e resistencia logrou alongar o set ata empatar o partido con 32-30. 

  O terceiro foi parecido ao primeiro, pero de cor local, que daba paso ao EMEVE para gañar o partido cun resultado idéntico ao primeiro set, 25-18. Chegamos ao cuarto que significaba a hora da verdade para as coruñesas, necesitaban forzar o empate para ter opcións no quinto. Non perderon a calma as xogadoras de Zalaeta, e aos poucos foise desenvolvendo un set tan difícil como os anteriores no que finalmente logran un 21-25 que as leva ao tie break. 
 E co quinto chega a hora da verdade, un comezo cun 4-0 favorable ás locais parece facer bos os prognósticos, pero a constancia das do Instituto e a súa confianza, sacan a relucir o seu bo momento de xogo, remontan, logran un empate a 8 puntos e sen despegarse un equipo nin outro ata o tramo final no que o Zaleta obtén unha renda de de tres puntos que lle serven para pechar o set cun axustado 13-15 que lle supón levar a Copa Galicia na súa XXXIV edición.
  Referendado o bo momento das xogadoras de Jorge Barrero no último mes do 2016, a confianza e seguridade obtidas permítelles controlar os tempos e desenvolver o seu xogo para superar os momentos difíciles.
  Bo partido o realizado nesta final na que o equipo estivo a unha gran altura, brillou no seu xogo de ataque baseado nunha boa recepción e cun saque eficaz que poñía en apretos ás rivais. Gran distribución da súa colocadora Patricia Santos, en gran parte artífice da vitoria do seu equipo, que finalmente viu recoñecida o seu labor co trofeo á Mellor Xogadora deste torneo.
  A xogadora do EMEVE Laura Villasante resultou a máxima anotadora da final con 31 puntos 28 de ataque, seguida de Lucía Prol con 21 puntos, Aitana Fernández 8 bloqueos e 12 puntos. 
  Polo FisiomásZalaeta reparto de puntos, con 5 xogadoras por encima do 10 puntos: Alba Quirós 22 e 18 de ataque e 4 ACES, Andrea Rivas 17, 3 bloqueos, Emma Ordoñez 12 puntos, 4 ACES, Tania Cobos 13 puntos 11 ataques e Inés Rivas 11 puntos 3 bloqueos.
   Parabéns a todo o equipo e corpo técnico polo triunfo conseguido, un triunfo que multiplica o seu valor pola calidade do rival  e felicidades aos dous contendentes polo espectáculo de alto nivel que nos brindaron e do que gozamos todos os espectadores.
  Destacar a excelente organización deste evento que tivo como anfitrión ao club lucense EMEVE, e agradecer á TVG-2 a súa retransmisión desta final e o seu compromiso co Deporte Feminino e en particular co Voleibol e darlle a visibilidade que necesita e merece.

      Retransmisión da final pola TVG 

 http://www.crtvg.es/deportes/voleibol-feminino-final-copa-galicia-emeve-lugo-f-zalaeta