/XORNADA DO FIN DE SEMANA 15 E 16.

XORNADA DO FIN DE SEMANA 15 E 16.

  Cuarta xornada de SF2 cun novo encontro no Barrio, nesta ocasión ante o equipo do CAEP de Soria o que motiva o traslado da xornada de descanso  do CV Zalaeta para o fin de semana do 29 de Novembro.
 
  Dobre xornada de fin de semana das xogadoras de Soria que se desprazan a Galicia para enfrontarse o sábado en Lugo ao EMEVE e o domingo en Coruña ao Zalaeta, onde xogarán o partido adiantado correspondente á 6ª xornada.
  O CAEP é o equipo da concentración permanente e por tanto da selección española xuvenil que compite a liga regular de SF2, e que está composto polas mellores xogadoras mozas do panorama nacional do voleibol. Equipo no que Pascual Saurín, adestrador do combinado nacional feminino absoluto, toma o relevo de José Miguel Serrato á fronte da concentración onde tamén contará coa colaboración do anterior adestrador.
  O CAEP atópase en sexta posición, unha por encima do Zalaeta e ambos con tres puntos. Cunha vitoria e unha derrota tratará de rendibilizar o seu desprazamento a terras galegas para levantarse na clasificación e poñerse á altura do grupo de cabeza.
  O equipo nacional continúa observando de preto a canteira galega, e nestes momentos conta nas súas filas coas xogadoras coruñesas Calíope García e Jimena Fernández, a pontevedresa Loreto Núñez e as monfortinas Antía Vallecas e María Rodríguez.
  O FisiomásZalaeta está disposto a baterse ata a vitoria e fará valer a súa condición de favorito no seu feudo local do Barrio das Flores onde o adestrador Barrero poderá dispoñer de todo o seu persoal. Enfrontaranse dous equipos cunha estrutura parecida con moitas xogadoras novas nas súas filas. As de Soria contan cunha porcentaxe de bloqueo superior e as galegas con maior eficacia no saque, tendo ambos os equipos un acerto parecido en ataque. Os dous conxuntos reparten a súa capacidade anotadora entre todas as súas xogadoras.
  A diferenza marcaraa a afección, que como é habitual levará polo aire ao seu equipo desde as bancadas, para o que vos citamos unha vez máis no espectáculo do voleibol que terá lugar no 

    Polideportivo do Barrio das Flores o domingo a partir das 12:00.

  
  O resto de equipos do CV Zalaeta xogarán os seus compromisos de Liga Galega segundo os seguintes horarios:

XUVENÍS 1ª DIV AUTONÓMICA
CV ZALAETA Vs CD VAGALUME SÁBADO 10:30 PAV.INSTITUTO ZALAETA

INFÁNTILES 1ª DIV AUTONÓMICA
CV ZALAETA Vs LICEO LA PAZ  SÁBADO 12:30 PAV. INSTITUTO ZALAETA

SENIOR 1ª DIV AUTONÓMICA
AUTOS CANCELA ZALAETA  Vs  DOMPA XESTIÓN  SÁBADO  16:30  BARRIO DAS FLORES

CADETES 2ª DIV AUTONÓMICA
CV ZALAETA  Vs  DOMPA XESTIÓN   SÁBADO  16:30  BARRIO DAS FLORES