/XORNADA DO 9 DE MARZO

XORNADA DO 9 DE MARZO

   O vindeiro sábado día 9 de marzo o FisiomásZalaeta de SF2 desprazarase a Alzira, Valencia, para enfrontarse ao Bestla Finance no Palau d´Esports ás 20:00 en partido correspondente á terceira xornada do Play off de ascenso.
   O equipo valenciano é unha incognita para as coruñesas xa que participaba no grupo B no que quedou en cuarta posición cunhas estatísticas similares ao FisiomásZalaeta, e nestes momentos ocupa a 7ª praza, a tres puntos por baixo das herculinas. Trátase dun equipo con xogadoras veteranas, algunhas con experiencia en SFV, ante o que o adestrador Jorge Barrero supón que ”será un partido difícil, complicado, no que haberá moita igualdade. Elas xogan na casa, levan dous partidos seguidos en Alzira e o anterior perdérono con Extremadura Arroyo, pero confiamos en que poderemos lograr algo positivo”.
  O FisiomásZalaeta viaxa coas baixas xa coñecidas de Noa e Nancy por lesión ás que se suman nesta ocasión  Marta Esperanza, Marta Fraga e Andrea Rivas por razóns extradeportivas. A moral está alta despois do triunfo ante o Feel Voley en Alcobendas, e ademais o equipo segue colocando ás súas xogadoras nas estatísticas da RFEVB, nesta ocasión foi a quenda da Cristina García que se sitúa como segunda mellor bloqueadora.
  Viaxe de ida o sábado pola mañá e regreso o domingo, ambos desde o aeroporto de Lavacolla.
   Destacar que o resto de equipos do CV Zalaeta, descansan esta fin de semana agás as infantís que xogan o seu partido da Liga Zonal Infantil no Monte das Moas ás 11:15 diante do Narón Volea F1.