/XORNADA SÁBADO 01/12/2012

XORNADA SÁBADO 01/12/2012

   SF2

   O FisiomásZalaeta fíxose co derby galego de SF2 nun partido no que non deu opción ao Xuvenil de Teis, logo de impoñerse por 3-0 no encontro disputado no Municipal de Teis ás 18:30.

   Partido dirixido polos colegiados Diego Rodriguez e Xusto Olea, tivo unha duración de 01h. 18m. e finalizou cos seguintes parciais: 13-25; 17-25 e 22-25. Adestradores, local, Celso Veloso e Miguel Martinez, e visitante, Jorge Barrero e José Mª Sánchez.
   Xuvenil Teis: 1 Lucía, 2 Noemí, 4 Mirella, 7 Lilia, 8 Rosana, 9 Natalia,10 Rebeca, 12 Eva e 18 Anía (L).
   FisiomásZalaeta: 1 Marta F., 2 Cristina, 6 Nancy, 7 Laura, 9 Olalla, 10 Sheila, 11 Patricia, 10 Maca, 13 Lydis, 14 Sara, 15 Rocío e 18 Noa (L).

  Comezou o primeiro set con ambos equipos  igualados no marcador, ata que a partir do segundo parcial, as visitantes cobraron unha vantaxe que non puido ser superada polo Teis, e fixéronse co set coa maior vantaxe do partido, 13-25. O segundo set foi parecido ao primeiro, pero despois do terceiro parcial o FisiomásZalaeta fíxose co dominio do xogo e finalizou pola vía rápida. Xa no terceiro set, un pouco mais centradas as olívicas, conseguiron que as distancias non fosen grandes, pero de novo impúxose o ataque das coruñesas.
   O partido non foi brillante, case como corresponde a un derby, o FisiomásZalaeta xogou na súa liña, cun bo ataque, sendo moi eficaces no saque, co que crearon serios problemas na recepción do Xuvenil de Teis. O equipo de Jorge Barrero practicou un xogo de ataque variado, con diferentes alternativas, no que non destacou ningunha xogadora en particular, pero si destacou a achega do colectivo.
   A xornada de descanso veu ben para as recuperacións, como se puido apreciar esta tarde, e a próxima xornada, partido, no Barrio da Flores contra o Cantabria Deporte, equipo que vén de perder na súa casa co Grupo de Xixón, e deste xeito é superado na CLASIFICACIÓN polo FisiomásZalaeta, agora terceiro.

  
 DESPRAZAMENTO A OURENSE.

 
   O CVI Zalaeta desprazábase a Ourense para afrontar os partidos da xornada correspondentes ás categorías Cadete, Xuvenil e 2ª Div.A contra o VoleyOurense.
   Comezaron as Xuvenís de Liga Galega ás 10:00 no Paco Paz, nun encontro dirixido polos colegiados A. Vázquez e V. Martín e que tivo unha duración de 01h. 20m., e finalizou cun resultado favorable ás visitantes de 1-3, con parciais 18-25; 17-25; 23-25 e 13-25. Adestradores, local, Pérez e visitante, Martín.

   VoleyOurense: 9 Outeririño ©, 6 Giraldez (L), 4 Sardiña, 17 Alonso, 13 Ramón, 16 Dasilva, 10 Dieguez (c), 11 Oliveira (c), 2 Giraldez G. (c) e 1 Gonzalez.
   FisiomásZalaeta: 8 Maca ©, 18 Paula M.(L), 9 Sara D., 1 Marta F., 11 Rita, 15 Andrea, 6 Patri, 7 Susana S., 2 Carla (c), 10 Paula L. (c) e 3 Sofía .

   Partido contra o terceiro clasificado, co que hai unha diferenza importante, que comezou gañando o equipo coruñés cómodamente, superando ás locais claramente, cun xogo de ataque ordenado e ben en defensa, tanto en recepción como na rede. O VoleyOurense fixo o seu partido, moi ben en recepción e organizando o ataque pero sen conseguir facerlle dano ao rival. Tal como ían as cousas, ao FisiomásZalaeta, parecía que lle bastaba xogar para gañar, o que lle levou a relaxarse máis da conta ante un rival que xogou ao seu ritmo e non deixou pasar a súa oportunidade, e aproveitando os fallos das visitantes, gañou o terceiro set, no que realizou o seu mellor xogo. No  cuarto e último set, o Zalaeta saltou á cancha decidido a rematar o encontro e fíxoo coa maior diferencia 13-25.
   O próximo partido, en casa contra o Xuvenil Teis, que ocupa a sexta posición provisional na táboa, pero con varios partidos aprazados é un dos equipos chamados a estar na parte alta da CLASIFICACIÓN.

VER FOTOS

   A continuación celebrouse o partido correspondente á 9º xornada de Liga Galega de Cadetes, cun enfrontamento entre os dous primeiros CLASIFICADOS, o VoleyOurense e o CVI Zalaeta, que finalizou con vitoria local por 3-2, con parciais  25-13; 23-25; 25-8; 18-25 e 15-8.
   Comezou o encontro coas locais por diante no marcador e mellor xogo, que cunha boa recepción e bon saque lograban desfacerse das coruñesas que non atopaban o seu lugar na cancha e cometían demasiados erros. No segundo set o CVI Zalaeta, mais centrado non deixou que as de Ourense se distanciasen no marcador e con menos fallos e un xogo ordenado lograron superalas empatando o partido. No terceiro set, de novo, o Zalaeta desaparece do encontro e o VoleyOurense logra a maior diferenza: 25-8, para no cuarto virse abaixo e ceder de novo o empate co que as visitantes forzan o “tie-break” e no que son superadas polas locais.
   Bo partido, alternándose no marcador ambos equipos, no que o VoleyOurense superou ao CVI Zalaeta, probablemente facendo valer o factor campo, pois a clave puido estar en que xogaron mais tranquilas e cometeron menos erros. O Zalaeta realizou, en liñas xerais, un bo partido, pero acusou os fallos, particularmente no saque e nalgunhas fases do ataque.
Perden as coruñesas a primeira posición, quedándose a un punto do VoleyOurense. Próximo partido contra o Xuvenil Teis en Zalaeta, outro dos equipos a ter en conta na categoría.

 

VER FOTOS>

    Para finalizar pola tarde ás 16:30 deu comezo o partido de 2ª División, que dirixido polos colegiados A. Vázquez e S. Villadóniga, tivo unha duración de 01h. 12m., e finalizou cun resultado de 0-3, con parciais 20-25; 23-25 e 22-25. Adestradores, local Pérez e visitante A. García de Dios.

   Caldaria VoleyOurense: 1 Branco ©,11 Dá Silva(j), 14 Do Castelo, 13 Rodriguez, 9 Outeiriño(j), 4 Sardina(j), 17 Ramón(j), 8 Alonso (j), 6 Giraldez (c), 11 Oliveira(c), 10 Dieguez(c) e 3 Gonzalez(c).
   CVI Zalaeta: 11 Cristal ©, 3 Sofía (j), 11 Amara, 13 Paula M. (j), 1 Rita (j), 10 Susana S. (j), 8 Patri (j), 15 Andrea (j), 6 Paula L. (c) e 5 Carla (c).

   Partido entretenido, o que nos ofreceron os dous equipos, disputando todos os puntos, con escasas diferenzas decidíanse os sets ao borde do límite. O Zalaeta presentou un equipo moi compacto, de xogadoras que se coñecen, que xogan sen fisuras, que estiveron ben en todas a facetas do xogo. Comezou o encontro coas locais por diante no marcador durante prácticamente todo o set, ata que dun 19-14 as coruñesas lograron remontar para poñerse por diante ao final: 25-20. A partir de aquí o Zalaeta non cedeu a iniciativa en ningún momento, e dominando o resultado levouse o partido. O Caldaria VoleyOurense realizou un bo encontro, cunha boa recepción trenzaba ben o ataque co que en ocasións poñía en apretos ao Zalaeta, pero estas respondían cun bo xogo na rede e na recepción.
   Este resultado permite continuar no grupo de cabeza da clasificación á espera de recibir a próxima xornada ao ELLAEL VIGO VOLEIBOL en Zalaeta.

TAGS: