/SF2: CV SESTAO 2 AUTOS CANCELA ZALAETA 3

SF2: CV SESTAO 2 AUTOS CANCELA ZALAETA 3

  Primeira vitoria a domicilio na liga regular de SF2 do Autos Cancela Zalaeta, neste desprazamento a Sestao, que lle serven para sumar 2 valiosos puntos e escalar na clasificación á 5ª praza con 8 puntos.

  Ás 19:30 comezaba o encontro dirixido polo colexiado David Escobar, que finalizaba cun resultado de 2-3 con parciais 25-15; 19-25; 20-25; 25-22 e 13-15 (102-102).

CV SESTAO: Nerea Izaguirre, Ziortza Tejedor, Ane Briz, Maider Lorenzo, Oihane Gutierrez, Ane Lyuba, Oihane Paskual, Nerea Ruiz, María Larrakoechea e Nerea Ugalde. Adestradora Paki Blanco.

AUTOS CANCELA ZALAETA: Patri Santos, Cristina G. bermejo, Caludia Gómez, Emma Ordoñez, Andrea Rivas, Eleonora Guzzi, Laura Vázquez, Carla Figueroa, Alba Quirós e Carlota Vilariño. Adestrador Jorge Barrero.

  Nun primeiro set que comeza igualado, un parcial de 4-0 sitúa o marcador en 10-5, que lles dá as locais unha vantaxe suficiente para administrar o set e poñer o 1-0 no marcador. As de Paki Blanco superan en todos os aspectos do xogo ás coruñesas, que cometen numerosos erros e tardan en entrar no partido.

  No segundo o Zalaeta recupérase e xoga mellor, comete menos erros e mellora en ataque, cun 45% de eficiencia e 14 puntos, o Sestao soamente logra unha igualada a 14 puntos pero as do instituto van cobrando diferenzas para superar ao rival e poñer o 1-1. O terceiro é igual ao anterior, moi igualado na primeira metade , as de Barrero cun parcial de 4-0, 13-15, adiántanse sen dar opción ás locais conseguen o 2-1 que as achega a unha vitoria que vale 3 puntos.

 No cuarto set o Autos Cancela Zalaeta sae decidido a levar a vitoria e ten un comezo irresistible, logrando obter unha vantaxe máxima de 13-2 que parecía poñer o partido ao alcance da man, pero as de Sestao non querían deixar pasar a ocasión de puntuar na súa cancha e aproveitan a confianza das visitantes para remontar e cun parcial final de 5-0, 25-22, logran o empate que se decidirá no tie break. O desempate é unha imaxe do partido, igualdade e alternancia no marcador que resolve favorablemente o Zalaeta nos puntos finais vencendo cun axustado 13-15.

  Partido moi igualado na Benedicta que o Zalaeta resolveu favorablemente a pesar da ausencia das dúas líberos do equipo, o que obrigou ao adestrador para realizar cambios movendo da súa posición habitual a Laura e a Alba, e a dar entrada inicialmente a Claudia. No cómputo final foi mellor o equipo de Barrero, o Sestao moi ben en saque, 14 ACES, viuse superado polo rival en ataque, 41% de eficacia e 55 puntos, e tamén 10 bloqueos.

  Polo Autos Cancela Zalaeta, Emma Ordoñez a máxima anotadora con 22 puntos, 6 bloqueos, seguida de Carla Figueroa con 17 puntos de 17 ataques e Alba Quirós con 14 puntos, 3 ACES. Polo CV Sestao, Oihane Paskual con 27 puntos, (23 ataques, 3 ACES e 1 bloqueo), seguida de Oihane Gutierrez con 16 puntos , 6 ACES e Nerea Ruiz 12 puntos.

  Próximo partido no Barrio o sábado día 2 co Arona Tenerife Sur, que esta xornada cedeu os 3 puntos na súa casa diante do Arenal EMEVE.