/UNHA NOVA TEMPADA EN SF2

UNHA NOVA TEMPADA EN SF2

 Comeza unha nova tempada de Voleibol para as coruñesas do Autos Cancela Zalaeta militando na segunda categoría do Voleibol, SF2 desde o ano 2012. Un ano máis, este equipo construído a partir da canteira coruñesa, continúa sendo dirixido polo técnico Jorge Barrero, con ampla experiencia na categoría e gran coñecedor do voleibol feminino tanto galego como nacional a cargo de Selección Nacional Sub-17 este ano 2018.

  A categoría de SF2 esta tempada continúa dividida unha vez máis en dous Grupos, A e B. O equipo do Instituto está encadrado no Grupo A, composto por 13 equipos: Aguere Ciudad de la Laguna, Autos Cancela Zalaeta, CV Sestao, CV Torrejón, CV Torrelavega, CAEP Soria, Cuesta Piedra Santa Cruz, cvleganes. com, Extremadura Arroyo, RGC Covadonga, Universidad de Valladolid, VP Madrid e Xuvenil Teis. Neste grupo as novidades son unha vez máis na categoría o Extremadura e o VP Madrid, e a incorporación do Aguere e do Sestao.

  Na composición da plantilla para a presente tempada, destacar as baixas da receptora Marta Fraga que por razóns persoais deixa o deporte e da oposta Alba Quirós, esta última ficha polo Socuéllamos, equipo que milita no Grupo B de SF2 e que pon de manifesto a imposibilidade de conservar ás xogadoras destacadas pola falta de recursos. Situación que vivimos ano tras ano que as xogadoras que destacan márchanse a outros clubs con máis medios, o cal obriga a mover ficha na canteira e ao mesmo tempo certifica o bo labor que se realiza desde o corpo técnico.

  En canto ás altas, este ano contaremos coa achega da central Eleonora Guzzi procedente do C.V. Barcelona da Liga Iberdrola, que por razóns laborais desprázase á nosa cidade e ficha polo Autos Cancela Zalaeta, a ela sumamos a incorporación das xóvenes xogadoras Antela Couceiro, líbero procedente do C.V. Oleiros e Claudia Gómez oposta que vén da canteira de Boiro.

  A competición dará comezo para o Grupo A o próximo 22 de Setembro, e o equipo do Instituto abriría a tempada ante o CAEP Soria no Barrio, pero este partido foi aprazado e disputarase o día 7 de Outubro. Por tanto o inicio da competición será para o Autos Cancela Zalaeta o 29 de Setembro ante o Extremadura Arroyo no Municipal de Arroyo de la Luz.