/ENTREVISTA CON ALBA QUIRÓS.

ENTREVISTA CON ALBA QUIRÓS.

 

 Alba Quirós Valle formada na canteira do Liceo incorpórase ao Zalaeta no seu equipo de xuvenís. Comeza os seus primeiros pasos no volei xogando de colocadora e actualmente desempéñase como oposta. Unha lesión de Patri Suarez deulle
a oportunidade a tempada pasada, de subir ao primeiro equipo, e non a desaproveitou,
dedicación e constancia convenceron a propios e estraños que coas súas
condicións podería xogar. E aí está, dobrando en Xuvenís e en SF2
esta estudante de INEF na UDC, ou máis ben, triplicando o esforzo.
Balance da tempada. O mellor e o peor.

  É
difícil encontrar algo malo entre tantas cousas boas que aconteceron
esta tempada. Non obstante, o que recordo como peor, e creo que tamén as
miñas compañeiras, é o mal sabor de boca que nos deixou o quedar ás
portas da Copa Princesa por só un set, pero como de todo o malo se ten
que sacar algo en positivo, para min é o tremendo esforzo e dedicación
que tivo o equipo durante toda a tempada.
No ámbito persoal, o peor
da tempada foron as pequenas lesións que sufrín e que me impediron xogar
os tres últimos partidos de liga. O mellor, sen dúbida, é ter as
compañeiras que teño, sendo unha das pequenas, síntome moi a gusto con
elas, tanto no campo coma fóra del.
 
 Esperabas este rendemento tanto teu coma do equipo?

  Ao
empezar esta tempada eu creo que todas sabiamos que iamos ter que dar o
120% e comprometernos máis co equipo e, dende o meu punto de vista,
creo que estivemos á altura das diversas situacións que se nos
presentaron ao longo da tempada, cos nosos altibaixos como é normal,
pero demos o máximo que podiamos dar esta tempada, por iso síntome
orgullosa de dicir que xogo en Zalaeta.
 En Coruña caeron todos os equipos, cal é o plus que ten o Zalaeta xogando na casa?

  Xogar
fóra de casa, por experiencia é moito máis duro, non é o teu campo, as
viaxes son moi esgotadoras, etc. Na miña opinión, tivemos bos resultados
na casa porque obviamente é o noso campo, onde habitualmente adestramos,
non require horas de bus… e, por suposto, que podemos contar coa nosa
afección todos os
partidos.
  
Son de fiar as estatísticas, ata que punto se unha xogadora aparece moitas veces é realmente boa?

  As estatísticas varían moito dun campo a outro, pero se unha xogadora aparece moitas veces é que realmente é moi boa. 
 Que porcentaxe de culpa ten o adestrador nos éxitos do equipo? E as xogadoras?

  O
adestrador, ao igual que as xogadoras, resulta un factor moi importante
no que ao éxito do equipo se refire. Obviamente, un adestrador que pide
esforzo e compromiso, e ademais, é un exemplo diso, non vai ser igual
que un adestrador que é deixado co equipo ou que ten outras prioridades
moi diferentes.
 Que che pon dos nervios durante un partido?
  
  O que me pon dos nervios, sobre todo, é ver un partido dende o banco, creo que o vivo demasiado… a impotencia de ver a xente xogar e eu só poder animar mátame un pouco.
 
 Que fai unha xuvenil como ti xogando en SF2?
  
  Moitas
veces fágome eu a mesma pregunta. Tiven a sorte de poder empezar a
adestrar coas miñas actuais compañeiras hai aproximadamente un ano,
cando, a que era daquela oposta, Patricia Suárez, sufriu unha lesión, Jorge
brindoume a oportunidade de xogar en SF2 e aquí quedei. Posteriormente,
coa partida de Patricia a outro equipo, puiden optar por un papel un
pouco máis importante dentro do equipo.
 Como se compaxinan os estudos cos adestramentos e a participación en dúas categorías?
 
  Este ano que empecei a carreira de Inef
foi moito máis doada de compaxinar, pero o ano pasado si que foi moi
duro, compaxinar adestramentos de dúas categorías máis os partidos do
fin de semana e os estudos é moi complexo de levar, aínda a día de hoxe
me pregunto como o fixen. Igualmente, non son a única que o tivo que
pasar así que, para os/ás que pensen que é imposible, xa estamos nós de
exemplo para que vexan que non. 
 
 Un día de descanso, sen nada que facer a que o dedicarías? que te distrae, que te relaxa…
  
  Se
soubese o que é un día de descanso tería máis claro o que contestarche,
pero se temos a oportunidade de telo, intento descansar na casa,
poñerme ao día cos estudos ou ir a tomar algo coas miñas amigas.
  
Que importancia lle dás ao deporte?
 
  Moi
alta, ás veces ata antepoño os estudos polo deporte, cousa que non se
debería facer, pero é que cando algo che gusta de verdade, ás veces, sen
querelo, te abstraes un pouco da realidade.