/CEJF2018: FASE FINAL

CEJF2018: FASE FINAL

  Finalizamos a 3ª Fase do Campionato de España nunha dobre xornada de mañá e tarde na que en primeiro lugar enfrontámonos ao Omniprint Ciutat Cide na pista 1 do Pavillón Juan Beltrán ás 11 da mañá.  O encontro resólvese favorablemente ao equipo do Instituto cun resultado de 3-0 con parciais 25-23; 25-18 e 25-19, resultado que levaba ás coruñesas á loita polo 5º ou 6º posto co vencedor da outra eliminatoria entre Leganés e S. Cugat.

  Custoulle entrar no partido ao equipo de Tania Cobos que comezaron moi apagadas e baixa intensidade, custoulles remontar aínda que ao final do set foron capaces de superar un 20-22 adverso e poñer o 1-0 no marcador. O gañar este set o xogo de Zalaeta mellora e domina os dous seguintes sets e faise co triunfo no partido.

  Esta nova vitoria supón para as coruñesas a opción de xogar por 5º posto na xornada de tarde na que terán como rival ao San Cugat, que á súa vez derrotou ao Leganés nun disputado encontro cun resultado de 3-2.

  Un rival para ter sempre en conta, con opcións ás mellores clasificacións, subcampión no campionato de 2017 na Coruña o DSV CV San Cugat fixo valer a súa condición de favorito neste enfrontamento e impúxose nun disputado partido por 3-2 ao Club Instituto Zalaeta Voleibol por 3-2 con parciais 25-18; 25-19; 17-25; 20-25 e 15-11.

  Non entraron mal no partido as xogadoras de Zalaeta, pero a eficiencia no saque das catalás provocaba dificultades na transición galega o que lles restou eficacia no ataque. Deste xeito sucédense os dous primeiros sets que deixan o partido en mans do S. Cugat, o que obriga ao Zalaeta a mover ficha. Cambios tácticos, movemento no banco e no terceiro cambian tórnalas, mellora o ataque e o saque e as cousas comezan a saír, os dous seguintes sets son para as do Instituto que logran forzar o quinto set de desempate. Moi igualado o tie- break, chegamos ao cambio cun 8-7, pero no último tramo o S. Cugat aprovéitase dalgún fallo para tomar vantaxe e cerrar o set e o partido ao seu favor.

  David Hermida resúmenos a xornada final:

  «O primeiro partido de pola mañá contra o Ciutat Cide era o que nos daba acceso á loita polo 5º-6º posto ou polo 7º-8º. Ambos os equipos entraron bastante irregulares, despois de quedar apeados a xornada anterior da loita polas medallas, a pesar diso nós fomos máis constantes e nun primeiro set moi axustado logramos na parte final decidilo ao noso favor.

  A partir de aquí melloramos o noso xogo, que aínda que non chegou a ter a intensidade de partidos anteriores foi suficiente para superar ao equipo balear e pasar a xogar polo quinto posto ante o S. Cugat.

  Pola tarde entramos no partido ben de concentración pero mal de execución, elas estiveron moi ben ao saque logrando que nos complicásemos a vida á saída de recepción co cal tiveron cómodas vantaxes, e os dous primeiros sets foron claros para elas. A partir do terceiro tivemos un cambio de sistema de xogo, Jimena que estaba a xogar de central pasou a oposta dando entrada á central cadete Iria. Isto mellorou o noso ataque e mellorouse tamén o saque, e con esta inercia gañouse o set. Subimos o noso nivel de xogo e con mais ritmo forzamos o empate ao gañar o cuarto. O quinto foi igualado ata o cambio de campo, 8-7, pero a partir deste momento pequenos detalles fixo que nos coincidise as últimas accións con colocadora dianteira e uns erros fixeron que elas cobrasen diferenza e levasen o set e o partido.»

   Finaliza aquí a participación do Club Insituto Zalaeta Voleibol neste Campionato de España 2018, cun balance positivo, 5 vitorias e 2 derrotas coas que obtemos a 6ª posición nun campionato de 32 equipos, igualando a posición do ano pasado. A ter en conta que esta clasificación garante a presenza de dous equipos galegos no campionato do próximo ano.

  Grazas e parabéns ás xogadoras polo esforzo realizado e a consecución desta excelente clasificación, felicidades ao cadro técnico polos logros conseguidos e un recordo aos pais das xogadoras deste equipo auténticos «equipiers» aos que lles poderiamos dicir que sen eles nada disto tería sido posible.

  Felicitar á organización, JAV Olímpico, polo éxito da celebración destes campionatos tanto deportivamente con de convivencia entre xogadoras e equipos.

 

  FOTOS DE J. VÁZQUEZ        CIUTAT CIDE  Vs  ZALAETA