/CEJF 2018: FINAL DA PRIMEIRA FASE

CEJF 2018: FINAL DA PRIMEIRA FASE

 

  Finalizada a primeira fase do Campionato de España na que o Club Instituto Zalaeta Voleibol clasifícase primeiro do Grupo F despois de realizar un pleno, 3 vitorias en 3 partidos, o que lle dá o pase á seguinte rolda emparellado co 2º do Grupo C, C. Dentales L´ Aigüera Benidorm.

  Esta mañá xogouse o último partido desta fase ante o Motorsán Guadalajara, no que as herculinas se impoñían por un claro 0-3 con parciais 20-25; 20-25 e 15-25.

  O primeiro set foi complicado, as xogadoras de Tania tardaron en entrar no partido e víronse obrigadas a remontar nos últimos puntos, un tempo morto co marcador 20-19 centrou ás coruñesas que foron capaces de superar o marcador adverso e poñer o 0-1 no partido. Nos dous seguintes sets o control foi do Zalaeta, que logrou un 0-3 para encabezar o Grupo F con 6 puntos.

  Esta vitoria dálle o pase ao equipo do Instituto para xogar os postos de 1º ao 16º mañá á 09:00 (hora local) ante o Benidorm no Juan Beltrán da capital grancanaria.

  David Hermida fai a seguinte análise: «A partir de agora temos un cambio de pista, mañá xogamos á primeira hora no Juan Beltrán. Desde este momento entramos nunha fase de cruces, unha derrota significa afastarse dos postos de cabeza e se te despistas non hai posibilidades de recuperar. Teremos que aumentar a intensidade e sobre todo mantela, porque nosa primeira fase foi irregular. O Benidorm é un equipo parecido ao Xátiva, a priori teñen un xogo máis lento que o noso, pero tamén fallan pouco e poden ser boas defensoras. Como sempre, a nosa mellora no saque e en defensa será fundamental.»