/RESULTADOS LIGAS GALEGAS

RESULTADOS LIGAS GALEGAS

  1ª Div Autonómica Infantil

 

 Partido correspondente á 9ª xornada que significa o final da primeira volta, o xogado onte no Pavillón do Instituto e que enfrontaba ao CV Zalaeta co  EMEVE.
Sería o primeiro da serie de partidos que se disputarían ao longo do día no mesmo escenario, e dirixido pola colexiada Natalia Díaz, comezaba ás 10:00 e que cunha duración de 01h 05m finalizaba cun resultado de 0-3  con parciais: 23-25; 6-25 e 19-25.
  Bo partido por parte dos dous equipos pero con clara superioridade visitante, que levaron os puntos en xogo.
  Un primeiro set moi igualado con boas combinacións, era indicador do nivel desta 1ª Div, o Zalaeta viuse superado polo EMEVE, véndose obrigado a remontar pero sen ser capaz de pechar ao seu favor cedendo o 0-1 cun apertado marcador.
  No segundo, unha parcial inicial de 0-9, deixo fóra de xogo ás do Instituto  que non foron capaces de reaccionar, e cederon cunha gran diferenza este set para sobrepoñerse no terceiro, xa metidas de novo no partido pero sen lograr dobregar ao conxunto visitante que presento no Pavillón un equipo moi serio e sen fisuras e cun bo nivel de xogo.
  Boas sensacións deixáronnos as pupilas de Cristina, seguro que seguindo esta liña de traballo terán unha boa segunda parte de liga.
Polo CV Zalaeta xogaron Claudia, Alma, Sara, Marga, Icía, Alba, Paula, Andrea, Lida, Icía, Lucía e Iria

…………………………………………………

1ª Div Autonómica Xuvenil

 

  A continuación  xogábase o primeiro dos derbys locais previstos que enfrontaría aos equipos Autos Cancela Zalaeta  e  Calasancias Coruña. As xuvenís comezaban o seu partido ás 11:45, e cunha duración 01h 10m finalizou cun resultado de 3-0 con parciais: 25-14; 25-19 e 25-23.
  Partido de claro domino local, as de Tania Cobos impuxéronse comodamente a un rival que foi de menos a máis. A medida que avanzaba o partido, a confianza das do Instituto fíxolles perder concentración e cometer erros que foron aproveitados por Calasancias que chegaron a poñer en apertos ao Zalaeta no terceiro set aínda que lograron pechalo favorablemente cun marcador moi axustado.
  Este resultado permite ao Autos Cancela continuar no grupo de cabeza, ocupando a cuarta posición provisional, ao finalizar esta primeira volta.
  Polo Autos Cancela Zalaeta xogaron: Raquel Rey, Paula Lema, Marina Albaiceta, Ana Verao, Paula Castro, Valentina Dorta, Ana Calvo, Nerea Tabeayo, Laura Vázquez, Elisa Álvarez, Paula Rey e Claudia Carreja.

…………………………………………………..

2ª Div Autonómica Cadete

 
  

  Ás 13:15 comezaba o partido de Cadetes que enfrontaba aos equipos CV Zalaeta e ao Voleibol Lugo. As locais comezaban o encontro con moitas dúbidas o que permitiu ás de Lugo adiantarse no marcador e que por algúns momentos que aflorasen os nervios nas do Instituto ata que aos poucos foron poñendo as cousas no seu sitio, remontaron e puxeron o 1-0 no marcador. O segundo set foi máis complicado, houbo alternancia no marcador e opcións para ambos os conxuntos, para finalizar co 2-0 e chegar ao terceiro no que as visitantes non tiveron opción e cederon a maior diferenza do encontro.
  Con este resultado o CV Zalaeta colócase en primeira posición da táboa, aínda que pendente doutros resultados, unha boa posición para finalizar a primeira volta.
  Polo CV Zalaeta xogaron: Andrea, María, Mariña, Bea, Inés, Íria, Blanca, Brenda, Noelia, Salam, Cata e Lucía.

………………………………………………………….

1ª Div Autonómica Senior

  

  Finalizamos a xornada co segundo derby local do día, enfrontamento entre Autos Cancela Zalaeta e Calasancias Coruña.
  Partido de rivalidade entre dous equipos que se coñecen, en cuxos enfrontamentos soamente vale a vitoria á marxe de calquera outra circunstancia, non importa a clasificación, só o que suceda na cancha.
Comeza o Zalaeta decidido no primeiro set, adiántase nos primeiros compases do partido e cobra unha diferenza que se reflectirá no marcador final do set ao seu favor, e daralle o 1-0. Lonxe de virse abaixo o Calasancias aguanta moi ben o segundo, no que as vantaxes, cando as hai son escasas, e na parte final do set impóñense claramente empatando o encontro.
  E chegamos ao terceiro set, Calasancias continúan enchufadas e dominan o marcador co equipo local arrastras sen lograr achegarse sequera ás colexiais, ata que na parte final do set, Calasancias facíase acredor da vitoria, entra a colocadora local Noemí ao saque co 18-24 no marcador e prodúcese unha remontada que leva ás de T. Cobos a anular o xogo do rival e a base de garra e pundonor e sen ceder nada poñen un increible 26-24 que lles dá o 2-1 deixando ao Calasancias sen alento, que tentou no cuarto repoñerse pero non foi capaz de superar ás do Instituto que sempre por diante non cederon esta ocasión para facerse co derby e levar os puntos en xogo.
  Polo Autos Cancela Zalata xogaron: Sara, Paula, Noemí, Susana, Ana, Raquel, Paula, Ana Verao, Nerea, Laura e Elisa.

TAGS: