/SF2: AUTOS CANCELA ZALAETA 3 MACOHENARES SERVICASA TORREJON 0

SF2: AUTOS CANCELA ZALAETA 3 MACOHENARES SERVICASA TORREJON 0

 

  Novo triunfo do Zalaeta en casa ao derrotar ao Torrejón no partido correspondente á xornada 22 de SF2, que comezaba no Barrio ás 19:00, e dirixido polos colexiados Aroa García e Francisco Barrallo finalizou despois de 01 h 26 m cun resultado de 3-0, 27-25; 25-19 e 26-24; 78-68.

AUTOS CANCELA ZALAETA: Patri Santos, Emma Ordoñez, Paula Lema, Andrea Rivas, Eleonora Guzzi, Laura Vázquez, Tania Cobos, Lidia Gudge, Inés Rivas, Susana Suarez e Noa Sánchez. Adestradores Jorge Barrero e Fernando Cueto.

MACOHENARES SERIVCASA TORREJÓN: Raquel Virumbrales, Erika González, Jessica Cernadas, Marta Ruano, Jennifer Neto, Cristina Llorente, Denia Bravo, Alba Hernández, María Paz González, María Amado e Laura Salvador. Adestradores Canales de la Hoz e Óscar Martín.

  O equipo do instituto suma 3 puntos nun encontro moi disputado ante un Torrejón que non regalou nada e que viña apurar as súas posibilidades de meterse nos postos de cabeza. No primeiro set as visitantes comezan adiantándose no marcador, pero enseguida son alcanzadas polas locais que dominan o set con escasa diferenza, ata que un parcial de 0-5 pon o luminoso en 18-20 que fai dubidar ás de Barrero e dá seguridade ás madrileñas. Despois de sucesivos empates é o Zalaeta o que decide o set favorablemente co marcador máis avultado do encontro, 27-25.

  No segundo, os mellores números do Zalaeta, superan en ataque e en bloqueo ao rival , e con menos erros logran o 2-0.

  Co partido encamiñado, chegamos ao terceiro no que son de novo as visitantes as que se adiantan no marcador inicialmente, tratan de apurar as súas opcións no partido e realizan un bo set no que as diferenzas son escasas e ningún equipo deixa escaparse ao outro no marcador. As de Canales de la Hoz son máis eficientes en ataque neste set, pero cometen máis erros, e despois dun empate a 22, son as do Instituto as que deciden nos últimos puntos. De novo empate a 24 puntos, e un parcial de 3-0 tumba ás madrileñas, 26-24, e deixa os 3 puntos en xogo en casa.

  Bo partido e complicado, a pesar do marcador, moi axustado e disputados os 3 sets. Se recorremos ás estatísticas, os números son moi parellos, a diferenza real estivo na contención de erros propios do Zalaeta, soamente 15, por 24 o rival, e a ter en conta o cómputo total de puntos: 78-68, (+10 puntos, -9 erros).

  Unha vez máis, Emma Ordoñez con 24 puntos (23 ataques) máxima anotadora do encontro, seguida de Lidia Gudge con 12 puntos, 5 bloqueos. Por parte do Torrejón, máxima anotadora, Denia Bravo con 16 puntos, Marta Ruano con 12 e Erika González con 11.

  Con este resultado o Autos Cancela Zalaeta sitúase en 3ª posición, nunha xornada na que os tres primeiros clasificados non fallaron nos seus partidos e tamén sumaron 3 puntos; Extremadura Arroyo suma 48 puntos e VP Madrid 47, pero ambos cun partido máis que o Zalaeta que suma 45 puntos. O Torrelavega e Torrejón afástanse ao perder os seus respectivos encontros, e tendo en conta que a próxima xornada enfróntanse entre eles, parece que cabeza da clasificación é cousa de tres.

  Para as coruñesas, a próxima xornada desprazamento a Santa Cruz de Tenerife para xogar co Cuesta Piedra.