/SF2: EXTREMADURA ARROYO 3 AUTOS CANCELA ZALAETA 2

SF2: EXTREMADURA ARROYO 3 AUTOS CANCELA ZALAETA 2

Estrea en competición de SF2 o sábado das pupilas de J. Barrero ante o complicado equipo estremeño que se saldou coa primeira derrota polo mínima, pero tamén cunha boa actuación das coruñesas que lograron arrincar un punto do Municipal de Arroyo.

  O partido dirixido polo colexiado Antonio Tirado tivo unha duración de 2 H. e finalizou cun resultado de 3-2 con parciais 25-22; 13-25; 28-26; 13-25 e 15-6.  Adestradores, local Adolfo Gómez e visitante Jorge Barrero.

   EXTREMADURA ARROYO: Beatrix Meléndez, María Carrero, Ana Lucas, Laura Pallero, Carmen Castaño, Yohana Rodríguez, Inmaculada Lavado, Beatríz M. Gómez, Julia Cabeza, Isabel Espino, Bruna de Oliveira, María Guadalupe e Alba de Lucas.

   AUTOS CANCELA ZALAETA: Patri Santos, María Pedreira, Claudia Gómez, Emma Ordoñez, Paula Lema, Andrea Rivas, Eleonora Guzzi, Laura Vázquez, Antela Couceiro, Tania Cobos, Lida Gudge, Inés Rivas e Noa Sánchez.

  Comeza o primeiro set moi igualado, con pequenas diferenzas que as estremeñas van conservando e aos poucos logran aumentar e despegarse. Un parcial de 4-0 pon o 24-17 cando as visitantes tentan a remontada, complicada, pero poñen en apertos ao Arroyo que finamente pecha o set ao seu favor.

  O segundo arrinca como o primeiro, igualdade que as coruñesas se encargan de romper buscando o empate no partido, son superiores ao rival en ataque e un parcial de 0-10 sentenza o set ao seu favor.

  O terceiro set foi o máis complicado e o de maior duración do partido, comezan á vez os dous equipos, realizando series de 4 ou 5 puntos tratando de distanciarse sen logralo, cun final de infarto ata que un empate a 26 puntos o resolven as visitantes con dous erros que a dan o set ás de Adolfo Gómez.

 Non veu abaixo o Zalaeta, ao contrario, superouse no cuarto set en busca do tie break e impúxose comodamente superando unha vez máis en ataque ao rival logrando a mellor porcentaxe nun set do encontro, o 44%. En cambio,non foi así o 5º, as do Instituto non se atoparon na cancha e un empate a 3 puntos foi o máis preto que estiveron do Arroyoo, que lles endosou un parcial de 8-0 que sentenciou ao Zalaeta.

  ” Non estivo mal a estrea en competición, comenta Barrero, mantivemos o tipo e metémoslles presión na súa casa, perdemos unha boa oportunidade no quinto de impoñernos nesta cancha e regresamos cun punto. Alcanzamos un bo nivel de xogo pero de todos os xeitos aínda nos falta algún partido mais, mais rodaxe de competición”.    

  A xogadora do Extremadura Arroyo, Inmaculada Lavado foi a máxima anotadora do encontro con 22 puntos, por parte do Autos Cancela Zalaeta, Emma Ordoñez con 21 puntos e Laura Vázquez con 20.

  O próximo partido , terceira xornada, no Barrio ante o CV Sestao.