/CAMPIONATO DE ESPAÑA DE VOLEIBOL XUVENIL

CAMPIONATO DE ESPAÑA DE VOLEIBOL XUVENIL

  Está a piques de comezar o LVIII Campionato de España Xuvenil Feminino que se celebrará en Las Palmas de Gran Canaria a partir do próximo día 1 de maio e que finalizará na xornada do sábado 5 na que se xogarán o partido polo terceiro e cuarto posto e a final ás 09:0 e ás 11:00 respectivamente, hora local, no Centro Insular de Deportes da capital Grancanaria.

  A organización corre a cargo do CV JAV OLÍMPICO nesta nova Fase Final na que participarán por primeira vez 32 equipos encadrados en 8 grupos de catro que xogarán unha liguiña a unha volta, e na que os dous primeiros clasificados pasarán á 2ª Fase na que se xogarán os postos do 1º ao 16º, e os 3º e 4º clasificados xogaranse os postos do 17º ao 32º.

  A representación galega corre a cargo dos equipos do EMEVE de Lugo e o Club Instituto Zalaeta Voleibol. As lucenses formarán no Grupo E co CDU Atarfe, Voley Murcia e Cuesta Piedra Sta. Cruz.

  O equipo do Instituto disputará esta primeira fase no Grupo F no que se medirá coas valencianas de Xátiva VB, madrileñas do Voleibol Rivas e o Motorsán Guadalajara de Castilla La Mancha.

  A competición comezará para as coruñesas no Pabellón El Batán o martes nunha dobre xornada na que se medirán ao Voleibol Rivas pola mañá e ao Xátiva pola tarde. Un primeiro día de competición que pode resultar clave para os intereses do Zalaeta que tratará de defender o sexto posto alcanzado no Campionato de 2017 celebrado na Coruña e que nesta ocasión viaxa avalado pola vitoria no campionato galego e medalla de bronce lograda na Superliga Junior de 2018.

  A expedición coruñesa realizará a súa saída para disputar este campionato desde o aeroporto de Lavacolla o domingo ás 22:25 directamente a Las Palmas e regreso o sábado ás 17:20 hora local. Contarán con Autos Cancela para realizar o desprazamento de ida e volta ao aeroporto de Santiago.

  Jorge Barrero, secretario técnico do club desprazarase en calidade de delegado, acompañado de Tania Cobos e David Hermida como adestradores. As xogadoras serán as seguintes: as colocadoras María Pedreira e Lidia Mareque, opostas Paula Rey e Laura Vázquez, centrais Iria González, Jimena Fernández e Lidia Gudge, receptoras Emma Ordoñez, Lucía Alonso e Antía Vallecas e a líbero Alejandra Regos.

  Boa viaxe e moita sorte¡¡