/ZALAETA PROCLÁMASE CAMPIÓN GALEGO SENIOR FEMININO

ZALAETA PROCLÁMASE CAMPIÓN GALEGO SENIOR FEMININO

  Finalizado o Campionato Galego Senior Feminino celebrado no Colexio Calasancias hoxe domingo en dobre xornada de mañá e tarde no que o Club Instituto Zalaeta Voleibol proclamouse Campión Galego Senior Feminino.

  Na xornada matutina tiñan lugar as semifinais que enfrontaban en primeiro lugar ao CV Bruxas co AD Xiria Asesoría Cervantes e no que as de Carballo rompían os prognósticos ao impoñerse ás de Ames por un contundente 3-0, 25-21; 25-17 e 25-18 que lles daba paso a disputar a final.

  Na seguinte semifinal na que se medían os equipos coruñeses de Calasancias e Zalaeta, as do Instituto levaron o derbi co mesmo resultado que o anterior, 3-0 con parciais: 25-18; 25-15 e 25-22. O Zalaeta controlou o partido perfectamente e unicamente no terceiro set tivo que remontar un marcador adverso ao comezo do set para finalizar con apuros pero pechando o set ao seu favor definitivamente.

  Na xornada de tarde, primeiro dirimíase o terceiro e cuarto posto entre os perdedores da mañá, CV Bruxas e Calasancias, que se decantaría a favor das visitantes que se impuxeron por 3-0 con parciais 25-13; 25-20 e 25-22.

   A continuación xógase a final, enfróntanse os dous equipos que chegaron en mellores condicións a este playoff, Xiria e Zalaeta. As do Instituto comezan o partido adiantándose no marcador, cobrando unha distancia que indicaba como sería o partido. As de Tania Cobos non querían sorpresas e controlaban o xogo, ben en defensa e cunha boa eficacia en ataque impóñense claramente no primeiro set.

  No segundo reaccionan as xogadoras de Asier, tratan de lograr o empate, adiántanse para empatar mediado o set, de novo cobran vantaxe as de Carballo pero a partir do 19-19 é o Zalaeta o que decide e logra impoñerse cun axustado marcador no segundo set. Chegamos ao terceiro set que é un calco do primeiro, abren o marcador as do Instituto e cobran unha diferenza que son capaces de facer valer ao final cun bo xogo na rede e a demostrada eficacia en ataque que lles leva a dominar o set e o partido, que finaliza cun 3-0 e parciais: 25-14; 25-23 e25-14.

As xogadoras que compoñen a plantilla do Club Instituto Zalaeta Voleibol son as seguintes:

  Sara Sui, Jessica López, Lucía Alonso, Laura Alvedro, Iria González, Inés Rivas, Alejandra Regos, Laura Vázquez, Sara R. Amarelle, Sheila Arias, Cristina G. Bermejo e Noemí Vázquez. Adestradora Tania Cobos.

   A xogadora do Club Instituto Zalaeta Voleibol Alejandra Regos foi nominada Mellor Xogadora da Final, noraboa!!

 

PARA VER O VIDEO DOS PARTIDOS PINCHA AQUÍ:

CALASANCIAS CORUÑA  Vs  CLUB INSTITUTO ZALAETA VOLEIBOL

CLUB INSTITUTO ZALAETA VOLEIBOL  Vs  A.D. XIRIA ASESORÍA CERVANTES