/ENTREVISTA CON FERNANDO CUETO

ENTREVISTA CON FERNANDO CUETO

 

A súa presenza en segundo plano sen dúbida é enganosa, Fernando Cueto Pedrotti
é home de club, ligado á súa historia recente, que ben merecería un
artigo exclusivo. Coñecedor das categorías inferiores, actualmente
compaxina os seus estudos coa dirección deportiva como segundo
adestrador ás ordes de J. Barrero e é unha
peza clave na organización técnica do club ademais de inestimable
colaborador deste blog. Atención, esta é a súa opinión.

Balance da tempada. O mellor e o peor.
O mellor da tempada sen dúbida foi o rendemento do equipo e a mellora no
xogo respecto á tempada pasada, esta mellora dende o meu punto de vista
veu porque cada unha das xogadoras asumiu máis responsabilidade no xogo a
raíz da perda de Patricia Suarez, actualmente no Haris.
O peor foron as lesións, perdemos este ano a Sonia, Patricia González, Sara Díaz e no tramo final Alba Quirós, Tania tamén sufriu algún contratempo o que nos minguou durante o ano e nos obrigou a realizar cambios sobre a formulación inicial.
 Esperabas este rendemento do equipo?
Que fose tan alto durante tanto tempo realmente non, a mellora das centrais
tamén foi notable sobre todo sendo as dúas xuvenís aínda. Estivemos a
unha porcentaxe de rendemento moi alto, á fin e ao cabo salvo os dous
primeiros, o resto de equipos eramos equipos con carencias.
-En Coruña caeron todos os equipos, Cual é o plus que ten o Zalaeta xogando na casa?
Este ano realmente o ambiente no pavillón foi moito mellor, máis xente que
outros anos e iso tamén motiva máis. A verdade algo tiña que haber jejeje, aínda que para min o partido no que máis motivación palpabas no ambiente foi o da visita do RGC Covadonga de Gijón
ao Barrio, foi unha pasada o que fixeron as xogadoras esa semana,
entrar no vestiario e velo empapelado con frases de motivación que elas
fixeran, a intensidade nos adestramentos e iso se palpou no encontro que
mesmo cando Gijón nos fixo o set que nos deixaba fóra da Copa, as rapazas non baixaron os brazos.
Incidencia das lesións na tempada.
Bastante alta, fíxonos cambiar a formulación que tiñamos coas receptoras perdendo o noso mellor ataque polas ás, coa baixa de Sara Díaz
toda a segunda volta. A baixa das dúas xogadoras que viñan do
Universitario que eran un reforzo que nos achegaban experiencia e volume
nos adestramentos, e ao final de tempada 3 partidos nos que non
puidemos contar con Alba, que nese momento era a nosa referencia polas ás.
Son de fiar as estatísticas, ata que punto se unha xogadora aparece moitas veces é realmente boa?
É algo que dende a federación quizais deberían de intentar que se
homoxeneizase, ves equipos que sobre todo cando xogan na casa poden
perder 0-3 de malleira e aparece o seu libero como o mellor da xornada e
iso cheira a chamusco. Chisco a verdade é dos mellores estatísticos da nosa liga por como aplica os conceptos e así é que de Coruña rara vez aparecen as xogadoras no 7 ideal, pero polo menos o seu traballo sérvenos como guía, aparecer no 7 ideal da federación nunca é o obxectivo.
-Cal é a túa función no cadro de adestradores?
Este ano puiden participar un pouco máis grazas aos meus horarios, tanto Chisco coma eu facemos tarefas de apoio nos adestramentos, o que marca o que se fai e como se fai é Jorge. Nos partidos debullamos o xogo do contrario e repartímonolo entre Chisco
e min, el fíxase máis en direccións de ataque e distribución da
colocadora contraria, e eu da estratexia a seguir de saque e saídas de K-1 do equipo contrario, esta información transmitímosllela a Jorge
que é o que recompila o que lle imos dicindo e o aplica á táctica do
encontro. A coordinación entre os 3 é boa e os obxectivos que temos
compartímolos e como corpo técnico temos carácteres complementarios
entón creo que é un bo tándem, eu polo menos séntome moi a gusto con
eles.
 Que porcentaxe de culpa ten o adestrador nos éxitos do equipo? E as xogadoras?
Un adestrador é o que marca o camiño e é o encargado de marcar o
obxectivo, e como se ha de chegar a el dirixindo os adestramentos. Se
marca ben ese obxectivo xa cae a responsabilidade sobre a intensidade
que se impoñan as xogadoras, a maioría das veces ten máis culpa o
adestrador cando o equipo non vai ben porque adoita vir precedido dun
obxectivo ou un camiño mal marcado, poñer un nivel alto de esixencia non
significa que se logren mellores obxectivos, porque poden ser
prematuros para o momento no que se encontra o equipo.
  As xogadoras sobre os éxitos teñen máis “culpa” xa que son as encargadas
de poñer a intensidade á tempada e a cada partido. O adestrador pode
facer de todo menos poñerlle ganas ao adestramento, esa parte téñena en
exclusividade elas.
 Que che pon dos nervios durante un partido?
Curiosamente o que peor levo durante o partido non afecta á pista jejeje,
o que peor levo é ver as xogadoras do banco cando non lle poñen moita
atención ao partido, sucede moi rara vez pero ponme dos nervios.
 Que pasa pola túa cabeza cando están todas as xogadoras mirandote esperando que lles digas algo?
Dende o momento que asumes formar parte do corpo técnico sabes que iso pode
pasar e vai pasar, é algo que vai implícito no desenvolvemento da
tarefa. Á fin e ao cabo os 30 segundos que dura un tempo morto fánse
curtos, e sempre tes que comentarlles algo xa que non sempre son cousas
que corrixir, senón que tamén hai que recoñecer os acertos polo que tes
que priorizar o que o ti creas nese momento. En cambio cando saen as
centrais, a libero ou algunha xogadora que vén do campo para o banco, aí
tes unha moi boa oportunidade para recuperar a súa moral cando veñen
amoucadas, normalmente fanche moitas preguntas sobre moitas cousas nese
momento e ao final sacas información moi válida do que che din.
 Que tal se che dan as crónicas deportivas?
Espero que gustasen este ano as crónicas. O momento que elixo para escribilas é
cando estamos de volta no bus cando xogamos fóra, ou cando chego á casa despois de xogar no Barrio. É o mellor momento para escribila, xa falei con
Jorge e con Chisco e se algunha das rapazas tiña algo que dicirme xa o dixo, nese momento tes unha visión máis global do sucedido na cancha.