/ENTREVISTA CON SOFI HIDALGO

ENTREVISTA CON SOFI HIDALGO

 
  Nome, data e lugar de nacemento.
 Sofía Hidalgo Álvarez, 1994, A Coruña.

  Profesión, traballo, estudos…
 Estudo Enfermaría na UDC, acabo de rematar o meu segundo ano.

  Unha afección, un libro, unha película.
 Todo
o relacionado co deporte me apaixona (esquí, pádel, fútbol), encántame
ir a ver partidos doutros deportes coruñeses como o hóckei,
baloncesto… etc. Me encanta estar cos
meus amigos, a praia e escoitar música
, podería pasarme todo o día
escoitando música e cantando (as miñas compañeiras de equipo poden dar
fe). Non teño un libro favorito, encántame ler. Se tivese que elixir
algún sería “O neno co pixama de raias” ou “50 sombras de Grey”.
O mesmo me pasa coas películas, non podería dicir unha soa, iso si…
as comedias románticas son a miña predilección. En realidade vexo máis
series que películas, e aquí se que podo dicir que “Anatomía de Grey” e “Xogo de tronos” e “A que se aveciña” son as miñas series favoritas.

 ¿Onde te iniciaches no voleibol, cal é a túa traxectoria?
 Os
meus primeiros toques foron no equipo do meu colexio, o Liceo. Empecei
porque o meu irmán xogaba e sentía esa necesidade de ter que ser mellor
ca el en todo o que facía. Os meus primeiros partidos foron en Monte Das Moas, como o da maioría dos xogadores coruñeses. Estiven no Liceo ata que fun cadete de segundo, ese ano funme a Zalaeta, ata o día de hoxe. Con 17 anos estiven en EUA, onde xoguei co equipo do meu High School
unha tempada. Durante a miña etapa infantil e cadete, tiven a sorte de
formar parte da selección galega. Tamén xogo ao voleibol-praia dende que
teño 14 anos, formando parte dende ese momento da selección galega de
categorías inferiores.

 Posición na que xogas, sempre xogaches nesa posición?
 Dende
hai dous anos xogo de líbero, e creo que é a posición na que vou quedar
definitivamente. E digo definitivamente porque durante a miña
traxectoria xoguei de todas as posicións habidas e por haber. Dende
pequena tiña a intención de ser líbero, ao ver que moito non ía medrar e
que o que máis me gustaba era defender. Pero como pasa en todos dos
equipos, xogas do que che manden. Durante os meus inicios xoguei de
central, de colocadora e de oposta, é dicir, de calquera posición que
fixese falta. Finalmente rematei como receptora, ata que empecei a xogar
en SF2, momento no que tomei a posición de libre.

  Un exemplo de deportista, referencia do volei ou do deporte en xeral.
  Sen dúbida, se teño que elixir un referente no voleibol, esa é Helia González.
Coruñesa, capitá da selección española e con moitos títulos ás súas
costas. Que mellor que alguén que estudou no teu mesmo colexio (o Liceo La
Paz), que foi adestrada polos mesmos adestradores ca ti cando era máis
pequena, que ten as calidades que necesitas no campo e que tes “tan
preto” para ser o teu exemplo a seguir no deportivo. Por outro lado,
sempre me fixei moito en Rafa Nadal, un
exemplo de esforzo, dedicación, humildade e sacrificio. Cando estou nun
partido frustrada sempre me lembro dunha frase que me dixeron “pensa en Rafa Nadal, con forza” e quítaseme toda a parvada.

 O mellor recordo que teñas do volei, partido, torneo, equipo, título…
É difícil elixir unicamente un recordo do volei… teño moitos, tanto bos coma malos. Sen dúbida o partido contra EMEVE
no meu último campionato de España xuvenil foi un momento para
recordar, tanto por ser o último partido da miña etapa xuvenil coma por
toda a coraxe que lle puxemos xogando. Outro momento bonito foi o meu
debut no que antes era FEV, aínda me acordo
como me tremían as pernas ao recibir e como mandei o balón ás bancadas
no meu primeiro remate. Como xa dixen, este deporte deixoume grandes
recordos, tantos que podería escribir un libro con todos eles.

 Dende o teu punto de vista, que achegas ao equipo?
 Dentro
do campo o que intento achegar é seguridade defendendo e recibindo,
aínda estou algo lonxe de conseguilo. Logo, tamén intento conseguir a
orde, orde na recepción, na defensa, falar coas atacantes sobre o número
de bloqueos, onde están as fintas… resumindo, “mandar” na liña
traseira… pouco a pouco, aínda me queda tempo para seguir aprendendo e
mellorando. Fóra do campo penso que achego alegría ao equipo, cando nos
xuntamos unhas cantas podemos chegar ao punto de insoportables, pero
sei que as nosas compañeiras agradecen (no fondo) esas risas que lles
sacamos.

  ¿Que é o non se te dá tan ben, o que máis che custa?
 A
nivel de xogo creo que necesito mellorar un pouco en todo. A precisión
dos balóns en recepción é quizais no que máis teño que traballar. Fóra
da cancha o que máis me custa é facer pesos. Parece unha parvada pero é
unha tortura para min. A tempada que vén prometo non me queixar con cada
exercicio de pesos.

 Unha socia, cómplice na cancha.
 Dende que me vin a Zalaeta, Marta Fraga (actualmente xogando en EUA) sempre fora o meu maior apoio dentro do campo. Actualmente, sen dúbida, Sara Diaz
é o meu maior cómplice na cancha. Quizais porque vivimos xuntas e a
confianza e o apego nótase máis durante os partidos, sabemos
perfectamente cando a outra necesita un “esquécete, seguinte punto,”.
Outro dos meus piares dentro do campo é Rocío,
dáme confianza e motivación. Dende que cheguei ao equipo sempre tivemos
unha conexión especial, non podo saír ao campo sen chocarlle antes as
mans.

 ¿Que é na túa opinión o mellor do equipo?
 A nivel de
xogo, o ataque era sen dúbida noso forte. Fora do campo, a pesar da
disparidade de idades, ocupacións e formas de ser, eu penso que o mellor
do equipo era que cando estabamos xuntas (sobre todo nas viaxes) eramos
como unha gran familia, riamos moito xuntas e tiñamos moita confianza. A
pena é que moitas veces iso non se reflectía no campo.

 ¿Como ves a tempada que acaba
de finalizar, estás satisfeita co teu rendemento? 
 A tempada non rematou como esperabamos. Un 4º posto non está
mal se o teu equipo non ten potencial para máis pero creo que, no noso
caso, o equipo podería ter dado máis de si. Tivemos moitas lesións ao
longo da tempada pero iso non é escusa para perder partidos que terían
que ter sido un mero trámite para nós. Considero que non fomos regulares
durante toda a tempada e que quizais, con esa regularidade teriamos
chegado máis lonxe. Todos os equipos teñen partidos bos e partidos malos
pero o noso era esaxerado. Había partidos que xogabamos a un bo nivel e
outros nos que un equipo cadete nos podería ter feito dano. A nivel
persoal non estou nin contenta nin descontenta coa miña tempada. Como o
equipo, tiven os meus altibaixos. Xoguei partidos bos e partidos malos.
Ademais ao final de tempada tiven unha lesión que aínda me está a dar
problemas polo que definiría esta tempada como neutra.

 ¿Realmente paga a pena o esforzo que realizas e a dedicación a este deporte?
 Creo
que todo o mundo nalgún momento se formulou esta pregunta. Quen non
pensou en deixalo todo nalgún momento… E é que o deporte, e en
concreto o voleibol, che quita moito tempo da túa vida. Moitas veces
estás cansada despois de todo o día entre clases e demais e o que menos
che apetece é poñerte as xeonlleiras. Outras veces, simplemente
preferirías estar a tomarche algo cos teus amigos pero non, tes que
adestrar. A cantos vés a..?, quedamos para…?, facemos…? dixemos que
non por ter que ir a adestrar… É verdade, pérdesche ceas de clase,
quedadas cos teus amigos, fins de semana, etc. Pero se tivese que dar
unha resposta a ese “merece a pena” diría que se. O voleibol quítame
media vida pero tamén me dá a outra media, co cal se compensa. Non me
imaxino unha vida sen xogar e se o “prezo” que temos que pagar é
esforzarnos día a día e deixar de facer outras cousas… pois se fai,
que para iso eliximos nós esta vida.

 Ser muller e deportista……
 Para min, sen dúbida, é un orgullo poder dicir que son muller e
deportista. Dende que era pequena non podo vivir sen facer deporte e iso
é algo que non moita xente entende. A xente cando me ve non cre que
sexa deportista, din que non me pega” (obviamente, a xente que aínda non
me coñece). Na actualidade é difícil ser muller e estar na alta
competición. Non estou a falar de machismo nin de que se vexa mal que
unha muller faga deporte, ao contrario. Simplemente, é difícil polo
feito da infravaloración que nos levamos por parte da sociedade. Non é
normal que en todos os xornais deportivos saian noticias de homes e só
deixen un pequeno apartado para o deporte feminino. Nós esforzámonos
tanto ou máis que os homes e conseguimos menos recoñecemento. Tamén me
molesta que deportes como é o noso, o voleibol, se vexan ocultados por
deportes de masa como pode ser o fútbol. En España o voleibol é un dos
deportes máis practicados pero, non obstante, non verás ningunha noticia
sobre él na tele nin moito menos publicidade. Mentres que o fútbol se
converte nun deporte do corazón acaparando todos os telexornais
deportivos con noticias que o que menos teñen que ver é sobre o deporte.
Espero que algún día se nos dé recoñecemento que merecemos, tanto o
voleibol coma as mulleres deportistas.